Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Oroso organiza actividades para formar ao profesorado do municipio na atención a nenos con necesidades especiais


A primeira charla, organizada no CEIP de Oroso, xirou en torno á síndrome de Asperger e contou coa colaboración da asociación Asperga

O Concello de Oroso organiza dúas actividades dirixidas ao profesorado dos colexios do municipio para complementar a súa formación na atención a nenos e nenas con necesidades especiais. A primeira das charlas tivo lugar esta semana e xirou especialmente en torno á síndrome de Asperger, un trastorno de natureza neurolóxica enmarcado dentro dos trastornos do espectro autista e que afecta a entre 3 e 7 persoas de cada 1.000 nacidos, especialmente aos varóns.

O concelleiro de Ensino e Servizos Sociais, Antonio Leira, explica que “esta iniciativa xurde para dar resposta a unha demanda da comunidade educativa, polo que dende o Concello de Oroso puxemos todo da nosa parte para que o profesorado poida recibir os coñecementos e as técnicas máis axeitadas á hora de tratar con nenos con necesidades especiais. Neste primeiro encontro centrámonos especialmente na síndrome de Asperger, pero estamos abertos a seguir afondando neste campo”. Unha ampliación que terá lugar na segunda sesión formativa, prevista para o martes 18 de novembro e dirixida ao profesorado do CEIP de Sigüeiro.

Asperger

Precisamente, Leira Piñeiro asistiu á primeira das sesións formativas, celebrada nas instalacións do novo colexio de Oroso. O concelleiro de Ensino agradeceu especialmente o interese do profesorado e a colaboración amosada polo centro para o desenvolvemento desta actividade. Un curso de dúas horas que foi impartido por técnicas do Servizo de Atención Temperá de Oroso e representantes da asociación Asperga (Asociación Galega de Familias de Persoas Afectadas pola Síndrome de Asperger).

Así, Iria Botana Lois e Raquel Boquete Orgueira, técnicas do Servizo de Atención Temperá de Oroso, incidiron sobre como detectar os primeiros sinais de Asperger nos pequenos e en sensibilizar aos mestres e mestras na necesidade de coñecer e dominar as estratexias máis axeitadas para a súa educación. Pola súa banda, Verónica Santiso, psicóloga de Asperga, ofreceulles consellos prácticos aos profesores sobre como manexarse con estes nenos e nenas nas aulas.

A síndrome de Asperger é un trastorno de natureza neurolóxica que se enmarca dentro dos trastornos do espectro autista (TEA). A súa característica principal é a alteración da interacción social, cunha dificultade para comprender as regras sociais, para usar e entender os comportamentos non verbais ou para compartir experiencias. Ademais, adoitan estar presentes rituais ou temas de interese obsesivos, un uso peculiar da linguaxe, dificultades motoras, tics ou problemas de atención, entre outros. Na maioría dos casos a intelixencia non está afectada. Trátase dun trastorno moi heteroxéneo, cunha manifestación variable nos distintos afectados.